Colexio
Saúda
Benvidas e benvidos á páxina web do Colexio Oficial de  Traballo Social de Galicia, que nace para ser un  instrumento de comunicación, información, documentación e prestación de servizos,  tanto para as traballadoras e traballadores sociais como para a cidadanía.
Como representante da profesión en Galicia o Colexio asume un gran compromiso, non só coas persoas colexiadas, senón co conxunto da sociedade galega: traballar en prol duns servizos sociais públicos e de calidade, accesibles para toda a cidadanía.
No ámbito interno, o Colexio vela pola boa práctica profesional e polo cumprimento do código deontolóxico;  cara ao exterior, e como representante do colectivo especializado na acción social, asume un papel activo como axente do cambio social.
Este compromiso é o alicerce sobre o que se fundamenta a labor do Colexio, apoiando ás traballadoras e aos traballadores sociais  no seu labor, por medio da formación, do asesoramento e da colaboración como fórmulas de desenvolvemento profesional, para contribuír ao logro dos obxectivos en materia social da nosa profesión . Nos diferentes apartados desta web podedes ver como se están a desenvolver cada un destes obxectivos, a través dos diferentes ámbitos de actuación do Colexio.
En nome da Xunta de Goberno e de  todo o equipo do Colexio, quero agradecervos o voso interese e convidarvos a empregar todos os recursos que esta web pon á vosa disposición, así como a contactar con nós para calquera suxestión e/ou proposta de novos servizos ou ferramentas.

Recibe un moi cordial saúdo
Marta Capeáns Outeiro
Presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia
 
 

Este sitio emprega cookies para mellorar a experiencia de uso do visitante e para realizar tarefas de análise. Ao aceptar entendemos que das o teu consentimento a nosa política de cookies

Acepto cookies de este sitio.